O Centro de Interpretación da Ceraría nace grazas á iniciativa e ao traballo de recuperación e valorización dun oficio de grande importancia histórica na Comarca, realizado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Paraños. O Centro de Interpretación convértese no primeiro centro específico sobre a ceraría tradicional na comunidade galega e nun dos referentes peninsulares nesta materia.
O centro propón, a través dunha serie de paneis interpretativos, un percorrido polo ciclo da ceraría facendo fincapé no coñecemento tradicional e no patrimonio material existente en Paraños, dende a produción da cera polas abellas até a súa conversión en velas e exvotos, facendo parada nas diferentes fases dun oficio tradicional hoxe abandonado. O museo alberga, entre as pezas destacadas cedidas pola veciñanza, cortizos, unha roda orixinal de principios do século pasado, así como dúas pailas para derreter a cera, exvotos e unha talladeira. Na mostra están representados boa parte dos útiles dos que se valían os cereiros no seu oficio.
A partires desta fin de semana poderanse realizar visitas guiadas ao Centro de Interpretación e aos elementos do patrimonio material que se conservan como o lagar da cera e as eiras ou curadoiros da cera de Paraños. Para realizar as visitas é preciso concertar cita (986 645 768 ou 655 949 222).
O lagar de cera volverá traballar despois de 60 anos
Paralelamente á apertura do museo, a iniciativa de valorización do oficio da ceraría tradicional levado a cabo pola Comunidade de Montes de Paraños completouse coa restauración do lagar da cera de Paraños, que se topaba en estado de abandono. As obras de recuperación centráronse na rehabilitación do edificio e na reconstrución do mecanismo, é dicir, a prensa de viga, o taco e o fuso. A importancia deste lagar radica en que é un dos poucos exemplos dos que existe constancia en toda a Península Ibérica.
Dentro dos actos de inauguración terá lugar unha conferencia, a demostración de cómo se facía unha lagarada de cera, así como da elaboración das candeas coa roda tradicional. Despois de 60 anos de abandono, o Lagar de Cera de Paraños volverá poñerse en marcha.
Guía interpretativa sobre a ceraría
A Comunidade de Montes de Paraños edita ademais a publicación Favum o lugar da cera, asinada polos investigadores Damián Copena, Diego Copena Rodríguez e Alexandre Cendón baixo a coordinación de Abella Lupa SAT, na que se recolle un estudo etnográfico exhaustivo sobre o oficio dos cereiros no concello de Covelo e o excepcional patrimonio material que aínda se conserva.
Alexandre Cendón, Diego Copena, Damián Copena
Sem comentários:
Enviar um comentário
Nota: só um membro deste blogue pode publicar um comentário.